Zelina Q.

Setembro 20th, 2010 | by ozzo |

Zelina Q., aburrida esposa e despois feliz viúva, cobraba a peso (5 pesetas) os bicos que o marido demandaba. Reghentaba unha fonda para paisanos e tratantes que devoraban polbo e callos ben regados de tinto a partir das 10h. da mañán. Á tardiña xoghaba tute co fontanero municipal partidas intermináveis nas que o “ingueniero” debecía por ela e disfrutaba até o clímax ghañando partida atrás partida para vingharse de non lle poder tocar un pelo nin moito menos saborear a boquiña pintada. Beizos vermellos, liña de ollos negra e cabelo en caracois, suspiros de España que aprendeu para esquecer “ese acento ghallegho” que lle saía até pola boca pechada de entre as pernas. Túzara, lercha e ghoberneira, presumía de gran señora de taberna diante dos clientes. Mentras o canalizador diante do vaso de clarete e da baralla maxinaba como sería poder estar enriba dela meténdolle mao e vergallo. ¡Que barbaridade! Ela só pensaba en ghañar unha vez, aínda que so fose unha man, aínda que so fosse comerlle o 3. E moito de cando en vez acontecía porque o fontanero ghostaba de vela brava cando perdía pero disfrutaba coa gharghallada de trunfo da morena cando conseghia vencer. ¿Pero tan casta era? ¿Será que non tiña seghredos? Os xoves eran días de feira, e a noitiña dos días de outono e inverno cheghábase á taberna Gosé o portughés, anque diso tinha ben pouco. Nacido de pai ghalegho en Melgaço por mor da gherra do 36 trataba nas feiras cos animais, de pitos a vacas, mentras a muller vendía roupa traída de Valença. Un langhrán caloteiro de marca maior é o que era. Co fume do cigharro ceghándolle o ollo dereito e cuspindo polo colmillo a cada tanto. A non ser que estivese axexando para alghunha porque entón a imaxe de marca era deitar a linghua fora a pasear polos beizos ou axitala arriba e abaixo, arriba e abaixo con movimentos rápidos. Iso e a man na nádiga de Zelita, cando saía do mostrador, fixeron derreter o xelo. Anque Gosé levou unha hostia de non te menees. Hostias, beliscos e pisotóns foron as caricias que conseghíu pero eran caricias que lle sabían a ghloria, o mesmo que a madama Zelina dalas. Zelina estricta ghobernanta. O 2 de Maio o fontanero apareceu esfaqueado e pouco despois Gosé era levado para a cadea por trinta anos. Só Zelina sabía da historia. Só Zelina, non. Carliños Mealleiro e Bartolo podían decir moitas cousas.

Sorry, comments for this entry are closed at this time.